jueves, 16 de junio de 2011

O XENIO DA BOTELLA

Esta é a historia dun home que vivía nunha botella. Non se sabía dende cando nin como chegara aló mais el aló estaba que non saía, non comía, non cantaba nin bailaba…O único que facía era soñar.Cos ollos pechados, vivía nun soño permanente mentres os seus pés zugaban coma raíces o líquido da botella,hinchando e hinchando coma un bulló.
Certo día que o líquido aquel de tanto dalle que dalle, zuga que zuga, xa lle daba polos xeonllos, de súbito espertou.
Non sabía onde estaba, nin que facía aló metido dalle que dalle, zuga que zuga, hinchando e hinchando coma unha cenoria, sen se poder mover. Non sabía como chegara nin como se metera naquela botella. Non sabía de onde viña nin por que estaba agora aquí. Só. Abandoado.
A súa cabeza, como se fora independente , púxose de súpeto a funcionar, coma un vello motor enferruxado, provocándolle unha forte dor nos miolos. E moi de vagar as preguntas empezaron a abordar a súa cabeza coma piratas con sabres ben afiados: Quen son? Teño un nome? Veño dalgún sitio ou nacín aquí? Hai máis coma min nalgunha parte?...Cada pregunta pinchaba máis ca anterior, mais non era capaz de respostar a ningunha delas. Non lembraba nada.
E namentres tentaba lembrar algo seguía aló metido dalle que dalle, zuga que zuga, hinchando e hinchando como unha cebola, sen se poder mover.
Até que chegou un momento que o líquido minguaba tanto que xa lle daba pola punta do dedo gordo do pé e a súa barrigola hinchara tanto que case non cabía dentro da botella e, alarmado, de pronto veu á súa cabeza unha vella historia dun xenio que vivía dentro dunha lámpada. E pensou “ó millor tamén eu son un xenio( pero dentro dunha botella) e teño que agardar a que alguén me atope e me frote para poder sair e obrar algún sortilexio”.
Mirou para un lado e mirou para o outro. E mirou para adiante e mirou para atrás. E tamén mirou para arriba e mirou para abaixo. Mirou en tódalas direccións máis non apareceu ninguén. “E que non hai ninguén para lle cumplir os desexos?” preguntouse mentres o líquido seguía a esgotarse. Pronto chegaría ó seu final.
“Ó millor son unha planta, esta botella o meu maceteiro e os meus pés raíces e este líquido que absorvo por eles é o meu alimento” pensou “e se sigo dalle que dalle, zuga que zuga, hinchando e hinchando coma unha remolacha, o líquido acabarase e secarei e morrerei. E nin sequera haberá ninguén que chore no meu enterro”. Púxose moi triste.
E foi así, como ante o medo de morrer aló soíño decidiu que tiña que saír. Mais nunca saíra da botella nin sequera sabía como se metera dentro. Non sabía que facer. Púxose máis triste.
Tentou estirar a cabeza cara arriba empuxando dende abaixo cos pés. Pero estaba demasiado hinchado para poder saír por aquela boca tan estreita. Tentou balancearse, movéndose dunha banda á outra coa intención de tirar a botella ó chan. Mais a botella non se movía. Púxose moito máis triste ainda.Estaba comezando a desesperar cando se lle pousou un paxaro na cabeza. Era un paxaro pequeniño e menudiño, co papo colorado e o peteiro afiado. “Que alivio” pensou “este poderame axudar”. “Ola” díxolle, pero o paxaro do papo colorado non lle contestou, pola contra empezou a golpearlle co peteiro na cabeza, que soaba coma unha caixa chinesa. “Poderías deixar de facer iso?” preguntou o noso protagonista. “Podo” dixo o paxaro do papo colorado. “Ei, podes falar!” ...(continuará)